A tramitación do procedemento de desprazamento de traballadores/as no marco dunha prestación de servizos transnacional está centralizada na Secretaría Xeral de Emprego e deberá realizarse de xeito telemático a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.
Soliticitude
TR803B Desprazamento de persoas traballadoras no marco dunha prestación de servizos transnacional
Obxecto
Dar cumprimento ao establecido na Lei 45/1999, do 29 de novembro, sobre desprazamento de persoas traballadoras no marco dunha prestación transnacional.
Beneficiarios/as
O empresario que desprace traballadores/as a España, neste caso á Comunidade Autónoma de Galicia, no marco dunha prestación de servizos transnacional deberá comunicar o desprazamento, antes do seu inicio e con independencia da súa duración, á autoridade laboral española competente por razón do territorio onde se vaian a prestar os servizos.
Para os efectos da Lei 45/1999, segundo o establecido no artigo 2.1 enténdese por:
1. Desprazamento no marco dunha prestación transnacional: o efectuado a España, neste caso ao territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, polas empresas incluídas no ámbito de aplicación da lei durante un período limitado de tempo en calquera dos seguintes supostos:
- a. O desprazamento dunha persoa traballadora por conta e baixo a dirección da súa empresa en execución dun contrato realizado entre esta e a destinataria da prestación de servizos, que estea establecida ou exerza a súa actividade en España.
- b. O desprazamento dunha persoa traballadora a un centro de traballo da propia empresa ou doutra empresa do grupo do que forme parte.
Para os efectos do parágrafo anterior, enténdese por grupo de empresas o formado por unha empresa que exerce o control e as empresas controladas nos termos do art. 4 da Lei 10/1997, do 24 de abril, sobre dereitos da información e consulta dos traballadores nas empresas e grupos de empresas de dimensión comunitaria.
NOTA: Nestes dous primeiros casos (a e b), non será necesaria a comunicación de desprazamento transnacional cando a duración deste desprazamento non supere os oito días.
- c. O desprazamento dun traballador por parte dunha empresa de traballo temporal para a súa posta a disposición dunha empresa usuaria que estea establecida ou que exerza a súa actividade en España.
2. Traballador desprazado: a persoa traballadora, calquera que sexa a súa nacionalidade, das empresas incluídas no ámbito de aplicación da Lei 45/1999, desprazada a España, neste caso á Comunidade Autónoma de Galicia, durante un período limitado de tempo no marco dunha prestación de servizos transnacional, sempre que exista unha relación laboral entre tales empresas e a persoa traballadora durante o período de desprazamento.
Para os efectos das definicións anteriores, enténdese incluída a persoa traballadora dunha empresa de traballo temporal posta a disposición dunha empresa usuaria no estranxeiro e desprazada temporalmente por esta a España no marco dunha prestación de servizos transnacional.
Requisitos
Segundo o artigo 5.2 da referida Lei 45/1999, a comunicación de desprazamento conterá os datos e informacións seguintes:
- a. A identificación da empresa que despraza á persoa traballadora.
- b. O domicilio fiscal de dita empresa e o seu número de identificación a efectos do imposto sobre o valor engadido.
- c. Os datos persoais e profesionais das persoas traballadoras desprazadas.
- d. A identificación da empresa ou empresas e do centro ou centros de traballo onde as persoas desprazadas prestasen os seus servizos.
- e. A data de inicio e duración previstas do desprazamento.
- f. A determinación da prestación de servizos que as persoas desprazadas van a desenvolver en España, neste caso no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, con indicación do suposto que corresponda dos previstos no artigo 2.1.1.
- g. Os datos identificativos e de contacto dunha persoa física ou xurídica presente en España que sexa designada pola empresa como o seu representante para servir de enlace coas autoridades competentes españolas e para o envío e recepción de documentos ou notificacións, de ser necesario.
- h.Os datos identificativos e de contacto dunha persoa que poida actuar en España en representación da empresa prestadora de servizos nos procedementos de información e consulta dos traballadores e negociación, que afecten aos traballadores desplazados en España.
Segundo o artigo 5.3, non será esixible a comunicación cando os desprazamentos definidos nas letras a e b do artigo 2.1.1 teñan unha duración que non exceda dos oito días.
O artigo 5.5 determina que a Autoridade Laboral porá en coñecemento da Inspección de Traballo e Seguridade Social e da Axencia Estatal de Administración Tributaria, para os efectos que corresponda, as comunicacións de desprazamento que recibise.
Documentación
Para todas as empresas:
O establecido no art. 5.2 da lei 45/1999.
Para as empresas de traballo temporal, ademais:
Así mesmo, o artigo 5.4 establece que cando a empresa que despraza sexa unha empresa de traballo temporal, a comunicación de desprazamento deberá incluír, ademais do impreso, que deberá cubrir vía telemática, a seguinte documentación, que deberá remitir por correo á Secretaría Xeral de Emprego:
- a. Acreditación de que reúne os requisitos esixidos pola lexislación do seu Estado de establecemento para poñer a disposición doutra empresa usuaria, con carácter temporal, persoas traballadoras contratados por ela.
- b. Sen prexuízo do sinalado no apartado 2f), a precisión das necesidades temporais da empresa usuaria que se traten de satisfacer co contrato de posta a disposición, con indicación do suposto de celebración que corresponda dos previstos no artigo 6.2 da Lei 14/1994, do 1 de xuño, pola que se regulan as empresas de traballo temporal.
Normativa
Orde do 17 de febreiro de 2020 pola que se regula o procedemento e se aproba e da publicidade ao modelo de comunicación de desprazamento de persoas traballadoras no marco dunha prestación de servizos transnacionais á Comunidade Autónoma de Galicia.
Lei 45/1999, do 29 de novembro, sobre desprazamento de traballadores no marco dunha prestación transnacional (BOE n.º 286, do 30.11.1999).
Real Decreto-Lei 9/2017, de 26 de maio, polo que se traspoñen directivas da Unión Europea nos ámbitos financeiros, mercantil e sanitario, e sobre o desprazamentos de traballadores.
Informa
Consellería de Emprego, Comerio e Emigración
Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais
Subdirección Xeral de Relacións Laborais
Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral
Edificios Admvos. San Lázaro, s/n
15781 Santiago de Compostela – A Coruña - España
Tel.: 981 545 734 / 981 544 615