GalegoCastellano
Rexistro de servizos de prevención alleos

Compártalo :

Compartir

A entidade especializada que desexe ser acreditada como servizo de prevención de riscos laborais deberá solicitalo ante a Consellería de Economía, Emprego e Industria. Posteriormente figurará no rexistro no que serán inscritas as entidades especializadas autorizadas como servizos de prevención.


Servizos de prevención alleos

Entenderase como servizo de prevención o conxunto de medios humanos e materiais necesarios para realizar as actividades preventivas a fin de garantir a adecuada protección da seguridade e a saúde dos traballadores, asesorando e asistindo para iso ao empresario, aos traballadores e aos seus representantes e aos órganos de representación especializados.

Normativa

  • Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais
  • Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento dos servizos de prevención
  • Real decreto 899/2015, do 9 de outubro, polo que se modifica o Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento dos servizos de prevención
  • Orde TIN/2504/2010, do 20 de setembro, pola que se desenvolve o Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento dos servizos de prevención, no referido á acreditación de entidades especializadas como servizos de prevención, memoria de actividades preventivas e autorización para realizar a actividade de auditoría do sistema de prevención das empresas
  • Real Decreto 843/2011, do 17 de xuño, polo que se establecen os criterios básicos sobre a organización de recursos para desenvolver a actividade sanitaria dos servizos de prevención
  • Real decreto 901/2015, do 9 de outubro, polo que se modifica o Real decreto 843/2011, do 17 de xuño.

Funcións dos servizos de prevención

Os servizos de prevención deberán estar en condicións de proporcionar á empresa o asesoramento e apoio que precise en función dos tipos de risco nela existentes e no referente a:

  • O deseño, implantación e aplicación dun plan de prevención de riscos laborais que permita a integración da prevención na empresa.
  • A avaliación dos factores de risco que poidan afectar á seguridade e a saúde dos traballadores nos termos previstos no artigo 16 da Lei 31/1995.
  • A planificación da actividade preventiva e a determinación das prioridades na adopción das medidas preventivas e a vixilancia da súa eficacia.
  • A información e formación dos traballadores, nos termos previstos nos artigos 18 e 19 da Lei 31/1995.
  • A prestación dos primeiros auxilios e plans de emerxencia.
  • A vixilancia da saúde dos traballadores en relación cos riscos derivados do traballo.

Requisitos

  1. Requisitos materiais e humanos: Dispoñer da organización, instalacións, o persoal e os equipos necesarios para o desempeño da actividade (VER: Recursos materiais e humanos)
  2. Constituír unha garantía que cobre a súa eventual responsabilidade (VER: Garantía)
  3. Non manter coas empresas concertadas vinculacións comerciais, financeiras ou de calquera outro tipo, distintas da propia da súa actuación como servizo de prevención, que poidan afectar á súa independencia e influír no resultado das súas actividades.
  4. Asumir directamente o desenvolvemento das funcións sinaladas no artigo 31.3 da Lei 31/1995, do 8 de novembro.

Recursos materiais e humanos

Deberán contar coas instalacións e os recursos materiais e humanos que lles permitan desenvolver adecuadamente a actividade preventiva que houberen concertado, tendo en conta:

  • a) O tipo, extensión e frecuencia dos servizos preventivos que han de prestar
  • b) O tipo de actividade desenvolvida polos traballadores das empresas concertadas
  • c) A localización e tamaño dos centros de traballo nos que ha de desenvolverse a prestación dos servizos preventivos.

En todo caso deberán contar con:

  • Especialidades:todos os servizos de prevención deben contar coas catro especialidades: Medicina do traballo, seguridade no traballo, hixiene industrial e ergonomía e psicosocioloxía aplicada.
  • Recursos humanos:
    • Deben ter como mínimo 1 técnico que conte coa cualificación necesaria para o desempeño de funcións de nivel superior por cada unha das especialidades, salvo para medicina do traballo que deberá ter como mínimo un médico especialista en Medicina do Traballo ou diplomado en Medicina de Empresa e un ATS/DUE de empresa.
    • Deberá ter o persoal necesario que teña a capacitación requirida para desenvolver funcións dos niveis básicos e intermedio, en función das características da empresas cubertas polo servizo.
      En todo caso, a entidade debe manter sempre no seu persoal un número de técnicos que non poderá ser inferior ao que resulte do cálculo para o dimensionamento dos recursos humanos dos servizos de prevención, segundo o disposto no Anexo I da Orde TIN/2504/2010, do 20 de setembro.
  • Instalacións
    • Dispoñer das instalacións e instrumentación necesaria para realizar as probas, recoñecementos, medicións, análises e avaliacións habituais na práctica das catro especialidades, así como para o desenvolvemento das actividades formativas e divulgativas básicas.
    • No Anexo II da Orde TIN/2504/2010, do 20 de setembro, especifícanse os recursos instrumentais mínimos cos que o servizo de prevención debe contar.
    • A actividade sanitaria contará para o desenvolvemento da súa función dentro do servizo de prevención coa estrutura e medios adecuados á súa natureza específica e a confidencialidade dos datos médicos persoais.
  • Garantía: deberá presentar ante a autoridade laboral o compromiso de ter subscrita unha póliza de seguro ou garantía financeira equivalente que cubra a súa responsabilidade por unha contía mínima de 1.841.000 euros, efectiva no momento en que a entidade empece a prestar servizos, sen que a citada contía constitúa o límite da responsabilidade do servizo.

Acreditación pola autoridade laboral

Para poder actuar como servizos de prevención, as entidades especializadas deberán ser obxecto dunha acreditación pola autoridade laboral, mediante a comprobación de que reúnen os requisitos que se establezan regulamentariamente e previa aprobación da autoridade sanitaria en canto aos aspectos de carácter sanitario.
A acreditación será única e terá validez en todo o territorio español.

Competencia: a autoridade laboral do lugar onde radiquen as súas instalacións principais. Entenderase por instalacións principais aquelas que conten con maior número de traballadores dedicados a actividades preventivas, non considerando entre os mesmos os que se dediquen a tarefas administrativas.

Na solicitude debe figurar: (desenvólvese no artigo 3 da Orde TIN/2504/2010)

  • Nome ou denominación social, número de identificación fiscal e CCC á Seguridade Social
  • Descrición da actividade preventiva a desenvolver, con descrición precisa en cada unha das especialidades preventivas.
  • Previsión do sector ou sectores nos que pretende actuar (segundo o CNAE 2009 con dous ou tres díxitos), salvo que se pretenda actuar con carácter xeral nese caso bastará con indicalos expresamente.
  • Previsión sobre o número de empresas e volume de traballadores aos que irá dirixida
  • Previsión da dotación de persoal para o desenvolvemento da actividade preventiva, debidamente xustificada, que deberá ser efectiva no momento en que a entidade empece a prestar servizos, e con indicación da súa cualificación profesional e dedicación. Especificarase de forma diferenciada o número de persoas con capacidade para desenvolver as funcións consideradas no capítulo VI do Regulamento dos servizos de prevención, diferenciando os niveis básico, intermedio e superior, coas súas distintas especialidades, así como o plan de traballo previsto coa devandita dotación de persoal, achegando o seu currículo profesional e as horas de dedicación de cada unha delas.
  • Medios materiais: Identificación das instalacións, e da súa respectiva localización, tanto as que sexan propiedade da entidade como aquelas de as que poida dispoñer por calquera outro título, así como dos medios instrumentais, aparellos e equipos
  • Compromiso de ter subscrita unha póliza de seguro ou garantía financeira equivalente que cubra a súa responsabilidade por unha contía mínima de 1.841.000 euros, efectiva no momento en que a entidade empece a prestar servizos, sen que a citada contía constitúa o límite da responsabilidade do servizo.
  • No caso de que pretenda subcontratar de maneira continuada actividades que requiran coñecementos especiais ou instalacións de gran complexidade, deberán acompañar memoria relativa ás devanditas actividades, con inclusión dos profesionais ou entidades que a van a desenvolver, así como da súa capacidade, medios e instalacións.
  • Compromiso de non concertar a súa actividade con empresas coas que tivesen vinculacións comerciais, financeiras ou de calquera outro tipo que poida afectar á súa independencia e influír no resultado das súas actividades.

Prazo de resolución: 3 meses. Ampliarase a 6 meses cando teña instalacións fóra da comunidade autónoma e se deba solicitar informe desas autoridades laborais.

Silencio: Negativo

A resolución estimatoria inscribirase no Rexistro Telemático SERPA.

Mantemento dos requisitos

As entidades deberán manter en todo momento os requisitos necesarios para actuar como servizos de prevención.

Comunicación variacións: Deberán comunicar á autoridade laboral competente calquera modificación dos requisitos necesarios para actuar como servizos de prevención.

Deberán realizar a través do SERPA os cambios relativos a:

  • Instalacións do SPA
  • Medios humanos contratados polo SPA
  • Medios materiais dos que dispón o SPA
  • Subcontratacións
  • Concertos


Prazo de comunicación: máximo 10 días

Memorias anuais

Os servizos de prevención deberán manter a disposición das autoridades laborais e sanitarias competentes, unha memoria anual na que incluirán de forma separada as empresas ou centros de traballo aos que se prestou servizo durante o devandito período, indicando en cada caso a natureza destes.

Deberá elaborarse e poñerse a disposición da autoridade laboral en todo caso, aínda cando as actividades non se desenvolveran durante o ano completo.

Prazo: antes do 1 de abril do ano seguinte.

Preséntase a través do SERPA.

Formato e contido memoria: Especifícase no Anexo III da Orde TIN/2504/2010.

Contactos relacionados
  • Subdirección Xeral de Relacións Laborais - Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral

    Edificio Administrativo San Lázaro, s/n
    15781 - Santiago de Compostela Teléfono: 981 545 743 / 981 544 615 / 981 957 759 / 981 957 580