Servizos de prevención alleos

A entidade especializada que desexe ser acreditada como servizo de prevención de riscos laborais deberá solicitalo ante a Consellería de Emprego e Igualdade. Posteriormente figurará no rexistro no que serán inscritas as entidades especializadas autorizadas como servizos de prevención.

Compártao :

Compartir

Entenderase como servizo de prevención o conxunto de medios humanos e materiais necesarios para realizar as actividades preventivas a fin de garantir a adecuada protección da seguridade e a saúde dos/as traballadores/as, asesorando e asistindo para iso a empresarios/as, traballadores/as e representantes e aos órganos de representación especializados.

Normativa

  • Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.
  • Real Decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento dos servizos de prevención.
  • Real Decreto 899/2015, do 9 de outubro, polo que se modifica o Real Decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento dos servizos de prevención.
  • Orde TIN/2504/2010, do 20 de setembro, pola que se desenvolve o Real Decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento dos servizos de prevención, no referido á acreditación de entidades especializadas como servizos de prevención, memoria de actividades preventivas e autorización para realizar a actividade de auditoría do sistema de prevención das empresas.
  • Real Decreto 843/2011, do 17 de xuño, polo que se establecen os criterios básicos sobre a organización de recursos para desenvolver a actividade sanitaria dos servizos de prevención.
  • Real Decreto 901/2015, do 9 de outubro, polo que se modifica o Real Decreto 843/2011, do 17 de xuño.

Funcións dos servizos de prevención

Os servizos de prevención deberán estar en condicións de proporcionar á empresa o asesoramento e apoio que precise en función dos tipos de risco nela existentes e no referente a:

  • Deseño, implantación e aplicación dun plan de prevención de riscos laborais que permita a integración da prevención na empresa.
  • A avaliación dos factores de risco que poidan afectar á seguridade e a saúde dos/as traballadores/as nos termos previstos no artigo 16 da Lei 31/1995.
  • A planificación da actividade preventiva e a determinación das prioridades na adopción das medidas preventivas e a vixilancia da súa eficacia.
  • A información e formación dos/as traballadores/as, nos termos previstos nos artigos 18 e 19 da Lei 31/1995.
  • A prestación dos primeiros auxilios e plans de emerxencia.
  • A vixilancia da saúde dos/as traballadores/as en relación cos riscos derivados do traballo.

Requisitos

  • Requisitos materiais e humanos: dispoñer da organización, instalacións, o persoal e os equipos necesarios para o desempeño da actividade (VER: Recursos materiais e humanos)
  • Constituír unha garantía que cobre a súa eventual responsabilidade (VER: Garantía).
  • Non manter coas empresas concertadas vinculacións comerciais, financeiras ou de calquera outro tipo, distintas da propia da súa actuación como servizo de prevención, que poidan afectar á súa independencia e influír no resultado das súas actividades.
  • Asumir directamente o desenvolvemento das funcións sinaladas no artigo 31.3 da Lei 31/1995, do 8 de novembro.

Recursos materiais e humanos

Deberán contar coas instalacións e os recursos materiais e humanos que lles permitan desenvolver adecuadamente a actividade preventiva que concertasen, tendo en conta:

  • O tipo, extensión e frecuencia dos servizos preventivos que van prestar.
  • O tipo de actividade desenvolvida polos/as traballadores/as das empresas concertadas.
  • A localización e tamaño dos centros de traballo nos que se desenvolverá a prestación dos servizos preventivos.

En todo caso deberán contar con:

Especialidade

Todos os servizos de prevención deben contar coas catro especialidades: medicina do traballo, seguridade no traballo, hixiene industrial e ergonomía e psicosocioloxía aplicada.

Recursos humanos

Deben ter como mínimo 1 técnico/a que conte coa cualificación necesaria para o desempeño de funcións de nivel superior por cada unha das especialidades, salvo para medicina do traballo, que deberá ter como mínimo un/unha médico/a especialista en medicina do traballo ou diplomado/a en Medicina de Empresa e un/unha ATS/DUE de empresa.

Deberá ter o persoal necesario que teña a capacitación requirida para desenvolver funcións dos niveis básicos e intermedio, en función das características da empresas cubertas polo servizo.

En todo caso, a entidade debe manter sempre no seu persoal un número de técnicos/as que non poderá ser inferior ao que resulte do cálculo para o dimensionamento dos recursos humanos dos servizos de prevención, segundo o disposto no Anexo I da Orde TIN/2504/2010, do 20 de setembro.

Instalacións

Dispoñer das instalacións e instrumentación necesaria para realizar as probas, recoñecementos, medicións, análises e avaliacións habituais na práctica das catro especialidades, así como para o desenvolvemento das actividades formativas e divulgativas básicas.

No Anexo II da Orde TIN/2504/2010, do 20 de setembro, especifícanse os recursos instrumentais mínimos cos que debe contar o servizo de prevención.

A actividade sanitaria contará para o desenvolvemento da súa función dentro do servizo de prevención coa estrutura e medios adecuados á súa natureza específica e a confidencialidade dos datos médicos persoais.

Garantía

Deberá presentar ante a autoridade laboral o compromiso de ter subscrita unha póliza de seguro ou garantía financeira equivalente que cubra a súa responsabilidade por unha contía mínima de 1.841.000 euros, efectiva no momento en que a entidade empece a prestar servizos, sen que a citada contía constitúa o límite da responsabilidade do servizo.

Acreditación pola autoridade laboral

Para poder actuar como servizos de prevención, as entidades especializadas deberán ser obxecto dunha acreditación pola autoridade laboral, mediante a comprobación de que reúnen os requisitos que se establezan regulamentariamente e previa aprobación da autoridade sanitaria en canto aos aspectos de carácter sanitario. A acreditación será única e terá validez en todo o territorio español.

Competencia: a autoridade laboral do lugar onde radiquen as súas instalacións principais. Entenderase por instalacións principais aquelas que conten con maior número de traballadores/as dedicados/as a actividades preventivas, non considerando entre os/as mesmos/as os/as que se dediquen a tarefas administrativas. Na solicitude debe figurar (desenvólvese no artigo 3 da Orde TIN/2504/2010):

  • Nome ou denominación social, número de identificación fiscal e CCC á Seguridade Social.
  • Descrición da actividade preventiva a desenvolver, con descrición precisa en cada unha das especialidades preventivas.
  • Previsión do sector ou sectores nos que pretende actuar (segundo o CNAE 2009 con dous ou tres díxitos), salvo que se pretenda actuar con carácter xeral; nese caso bastará con indicalos expresamente.
  • Previsión sobre o número de empresas e volume de traballadores/as aos que irá dirixida.
  • Previsión da dotación de persoal para o desenvolvemento da actividade preventiva, debidamente xustificada, que deberá ser efectiva no momento en que a entidade empece a prestar servizos, e con indicación da súa cualificación profesional e dedicación. Especificarase de forma diferenciada o número de persoas con capacidade para desenvolver as funcións consideradas no capítulo VI do Regulamento dos servizos de prevención, diferenciando os niveis básico, intermedio e superior, coas súas distintas especialidades, así como o plan de traballo previsto coa devandita dotación de persoal, achegando o seu currículo profesional e as horas de dedicación de cada unha delas.
  • Medios materiais: identificación das instalacións e da súa respectiva localización, tanto as que sexan propiedade da entidade como aquelas das que poida dispoñer por calquera outro título, así como dos medios instrumentais, aparellos e equipos.
  • Compromiso de ter subscrita unha póliza de seguro ou garantía financeira equivalente que cubra a súa responsabilidade por unha contía mínima de 1.841.000 euros, efectiva no momento en que a entidade empece a prestar servizos, sen que a citada contía constitúa o límite da responsabilidade do servizo.
  • No caso de que pretenda subcontratar de maneira continuada actividades que requiran coñecementos especiais ou instalacións de gran complexidade, deberán acompañar memoria relativa ás devanditas actividades, con inclusión dos/as profesionais ou entidades que a van desenvolver, así como da súa capacidade, medios e instalacións.
  • Compromiso de non concertar a súa actividade con empresas coas que tivesen vinculacións comerciais, financeiras ou de calquera outro tipo que poida afectar á súa independencia e influír no resultado das súas actividades.

Prazo de resolución: 3 meses. Ampliarase a 6 meses cando teña instalacións fóra da comunidade autónoma e se deba solicitar informe desas autoridades laborais.

Silencio: negativo.

A resolución estimatoria inscribirase no Rexistro Telemático SERPA.

Mantemento dos requisitos

As entidades deberán manter en todo momento os requisitos necesarios para actuar como servizos de prevención.

Comunicación de variacións: deberán comunicar á autoridade laboral competente calquera modificación dos requisitos necesarios para actuar como servizos de prevención.

Deberán realizar a través do SERPA os cambios relativos a:

  • Instalacións do SPA
  • Medios humanos contratados polo SPA
  • Medios materiais dos que dispón o SPA
  • Subcontratacións
  • Concertos

Prazo de comunicación: máximo 10 días.

Memorias anuais

Os servizos de prevención deberán manter a disposición das autoridades laborais e sanitarias competentes unha memoria anual na que incluirán de forma separada as empresas ou centros de traballo aos que se prestou servizo durante o devandito período, indicando en cada caso a natureza destes.

Deberá elaborarse e poñerse a disposición da autoridade laboral en todo caso, aínda cando as actividades non se desenvolveran durante o ano completo.

Prazo: antes do 1 de abril do ano seguinte.

Preséntase a través do SERPA.

Formato e contido memoria: especifícase no Anexo III da Orde TIN/2504/2010.

 

Contactos relacionados
  • Secretaría Xeral de Emprego - Subdirección Xeral de Relacións Laborais - Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral

    Edificio Administrativo San Lázaro s/n
    15781 - Santiago de Compostela (A Coruña)
    Teléfono: 981 957 580