Que é un certificado profesional?
Son títulos oficiais que acreditan unhas competencias profesionais. Os certificados, incluídos no Catálogo Nacional de Ofertas de Formación Profesional, teñen validez en toda España e acreditan a capacitación da persoa titular para o desenvolvemento dunha actividade laboral.
O certificado profesional ten unha dobre validez: no ámbito laboral ten validez profesional porque acredita as competencias requiridas para exercer unha determinada profesión; no ámbito educativo ten validez académica e permite continuar itinerarios formativos.
Que é unha competencia profesional?
Unha competencia profesional comprende os coñecementos e aptitudes necesarios para exercer unha actividade laboral concreta en función das necesidades do mercado de traballo.
Que é o Catálogo Nacional de ofertas de Formación Profesional?
O catálogo é o instrumento que incorpora todas as ofertas vinculadas ao sistema de formación profesional, entre as que se inclúen os certificados profesionais. Estas ofertas teñen carácter acreditable, modular e acumulable, permitindo ás persoas interesadas progresar en base a itinerarios formativos conducentes a acreditacións, certificados e titulacións con recoñecemento estatal e, no seu caso, europeo.
Que certificados profesionais existen?
Actualmente existen case 600 certificados profesionais diferentes agrupados en 26 familias.
Como podo buscar un certificado profesional ou acceder ao repertorio de certificados profesionais?
Premendo en https://todofp.es/buscadorcertificados/buscador, pode procurar aquel ou aqueles certificados profesionais nos que estea interesado/a. Así mesmo pode acceder ao repertorio de certificados profesionais no que atopará información polo miúdo de cada un deles.
Podo cursar calquera certificado profesional?
Os certificados profesionais agrúpanse en tres niveis: 1, 2 ou 3. Para poder acceder a un certificado profesional cómpre cumprir unha serie de requisitos en función do nivel da formación.
Nos certificados de nivel 1 non se exixen requisitos académicos nin profesionais, aínda que si se deben posuír as habilidades de comunicación lingüística que permitan a aprendizaxe.
Para o acceso aos certificados de nivel 2 ou 3, e cando non se cumpran os requisitos académicos de acceso que se establezan, estes poderán substituírse pola superación dun proba ou a realización de cursos de formación (competencias clave) que permitan verificar que a persoa dispón dos coñecementos necesarios para cursar con aproveitamento a formación.