Para a realización de proxectos formativos de curta duración que se desenvolvan por parte das empresas
Este procedemento está cofinanciado pola Unión Europea, no marco do programa operativo FSE+ Galicia 2021-2027. Obxectivo político 4: “Unha Europa máis social e inclusiva mediante a aplicación do piar europeo de dereitos sociais”, para que as persoas traballadoras ocupadas participantes nos proxectos formativos das entidades beneficiarias melloren as súas habilidades.
Esta Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, a través da Subdirección Xeral de Cualificacións e Capacidades para o Emprego, ofrece esta axuda “Bonos Talento Empresa” dirixida ás empresas, para impartir “microcredenciais”: accións formativas de carácter non formal, de curta duración, de entre 16 e 100 horas, dirixidas aos seus traballadores/as, para financiar o investimento na capacitación do seu persoal, co obxectivo de mellorar o seu rendemento e capacidades e dese modo incrementar a súa competividade.
Esta liña de axudas para microcredenciais de formación enmárcanse na Axenda de Capacidades Europea para a competitividade sostible, a equidade social e a resiliencia (COM 2020 274) e na súa Recomendación do 16 de xuño de 2022 relativa a un enfoque europeo das microcredenciais para a aprendizaxe permanente e a empregabilidade (2022/C 243/02), e son cofinanciadas nun 60% polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+).
En liña co anterior, o goberno galego está a despregar unha Axenda Galega de Capacidades para o Emprego, para o que no ano 2021, co obxectivo de aumentar o coñecemento sobre as necesidades de capacitación do tecido produtivo galego, se realizou o Estudo de tecnoloxías emerxentes para a transformación do emprego. Posteriormente, leváronse a cabo mesas de traballo sectoriais a través dun proceso participativo orientado a capturar a información do tecido produtivo para detectar as necesidades de capacitación. Estas mesas de traballo permitiron identificar cinco focos claros de necesidade:
- ámbito dixital
- ambito industrial
- ámbito da xestión empresarial,
- ámbito da venda e os servizos,
- ámbito asistencial.
Estes constitúen os cinco ámbitos de capacitación prioritarios aos que se deben orientar as accións formativas subvencionables por esta orde.
Entidades beneficiarias
Estas axudas están destinadas a:
- microempresas e pequenas empresas,
- medianas empresas,
- grandes empresas,
- persoas traballadoras autónomas
* que teñan contratadas ao seu cargo a persoas traballadoras por conta allea,
* que teñan centro de traballo en Galicia,
* que teñan cando menos unha antigüidade mínima de 3 anos, de forma ininterrumpida.
As entidades beneficiarias poderán impartir as accións formativas con persoal interno da empresa ou subcontratando, total ou parcialmente, con outras empresas ou entidades de formación.
Persoas destinatarias das accións formativas
As persoas traballadoras ocupadas por conta allea que presten os seus servizos nas entidades beneficiarias indicadas.
A participación nas accións formativas será completamente gratuíta para as persoas destinatarias.