Este procedemento está regulado polo Real Decreto 1224/2009 de 17 de xullo, de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas por experiencia laboral, modificado polo Real decreto 143/2021.
Esta Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a través do Instituto Galego de Cualificacións, dende o ano 2011 e ata o 2022, realizou 15 convocatorias públicas deste procedemento, ofertando 21.230 prazas (76.266 Unidades de Competencia), para as que se recibiron máis de 35.000 solicitudes. Destas, cumprían requisitos e iniciaron a súa participación no procedemento 19.347 persoas, e, tras pasar polas fases de asesoramento e avaliación, finalizaron o proceso completo 15.839 persoas, das que a grande maioría (o 95%) obteñen unha acreditación oficial da súa competencia profesional: 14.985 persoas, a través dun certificado de profesionalidade (9.828 persoas) ou unha acreditación parcial da súa competencia profesional (5.157 persoas).
En xullo do 2022, como consecuencia dos cambios na estrutura orgánicas da Xunta de Galicia, a xestión do procedemento de recoñecemento e acreditación das competencias profesionais adquiridas mediante experiencia profesional ou formación non formal, pasa a ser competencia exclusiva da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades:
- Decreto 123/2022, do 23 de xuño de 2022, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade
- Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Toda a información relacionada con este procedemento levado a cabo pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades (cualificacións, centros, datos de contacto, fases, requisitos, aplicación web para inscribirse, etc.) pode encontrala nesta páxina.