Servizo Público de Emprego de Galicia
O Servizo Público de Emprego de Galicia é a denominación baixo a que a Xunta realiza as súas funcións en materia de políticas activas de emprego e de intermediación entre a oferta e a demanda de emprego con eficacia, transparencia e rapidez.
Seguindo este enlace ao Portal de Emprego da Xunta de Galicia atopará todos os servizos en materia de emprego que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración pon a disposición das persoas que buscan acceder a un emprego ou mellorar o que teñen; e das empresas que precisan atopar persoas traballadoras novas ou mellorar a competitividade das que xa teñen no seu cadro de persoal.
Estes servizos, que se prestan de xeito gratuíto a todas as persoas e empresas usuarias a través da rede de oficinas de emprego propias da Consellería e das entidades colaboradoras do Servizo Público de Emprego, inclúen todos os servizos garantidos definidos na lei 3/2023, do 28 de febreiro, de Emprego.
Con carácter xeral, son obxectivos do Servizo Público de Emprego de Galicia:
- Favorecer as condicións para a xeración dun mercado de traballo inclusivo en Galicia que garanta a efectiva igualdade de oportunidades e a non discriminación no acceso ao emprego procurando, en particular, a presenza equilibrada de persoas traballadoras de ambos os sexos en calquera sectores, actividades ou profesións, así como condicións laborais compatibles coa corresponsabilidade dos traballos de coidados.
- O impulso á creación de empregos de calidade e estables que faciliten a transición cara a un mercado de traballo máis eficiente que á súa vez garanta niveis adecuados de benestar económico para as persoas traballadoras, de acordo ás súas circunstancias individuais e familiares.
- O mantemento do emprego e a progresión profesional das persoas ocupadas, mediante a mellora e a actualización preventivas e activas das súas cualificacións a través da formación no traballo, así como a difusión de novos xacementos de emprego, especialmente no caso de sectores, enclaves ou empresas en proceso de reconversión.
- A ampliación e mellora das cualificacións, competencias, habilidades e empregabilidade de persoas desempregadas e ocupadas, principalmente mediante a detección e atención das súas necesidades e intereses formativos e de readaptación profesional, singularmente, no ámbito das entidades da economía social, así como a adaptación do seu perfil profesional ás demandas de empresas e sectores produtivos.
- A atención especializada de colectivos prioritarios para as políticas de emprego e a eliminación de calquera clase de discriminación asegurando políticas adecuadas de incorporación laboral dirixidas aos citados colectivos.
- A adecuación, cuantitativa e cualitativa, de oferta e demanda de emprego, mediante a implementación de servizos de intermediación e colocación eficientes orientados á prospección e captación de ofertas de traballo e á redirección destas últimas ás persoas candidatas máis idóneas.
- A promoción da mobilidade funcional e sectorial, favorecendo o tránsito cara a profesións e actividades en proceso de crecemento.
- O acompañamento, persoal e individualizado, durante os procesos de inserción no mercado laboral e de transición entre formación e emprego ou entre empregos.
- A garantía da libre circulación das persoas traballadoras, no ámbito estatal e no marco do Espazo Económico Europeo, facilitando e impulsando a súa mobilidade xeográfica.
- A súa articulación co fenómeno migratorio, favorecendo sempre a integración social da poboación inmigrante, en particular das persoas novas extuteladas na súa transición cara á autonomía.
- O fomento de iniciativas de emprendemento e de economía social viables, mediante o desenvolvemento de actividades de prospección, asesoramento, información e auditoría da viabilidade dos proxectos.
- A anticipación ás necesidades de xeración de emprego mediante a programación de actuacións a medio e longo prazo.
- A atención e asesoramento ás persoas, empresas e demais entidades empregadoras, así como a prospección de necesidades do tecido produtivo.
Para facilitar o acceso aos seus servizos de emprego, o Servizo Público de Emprego de Galicia dispón dunha extensa rede de oficinas de emprego e de entidades colaboradoras que pode explorar a través deste enlace para atopar a máis próxima. Ou se o prefire pode acceder de xeito telemático a estes servizos a través da Oficina Virtual de Emprego desde calquera lugar e as 24 horas do día neste enlace, ou a través da aplicación MOBEM para dispositivos móbiles Android e iOS, dispoñible neste enlace.
Ligazóns relacionadas
- Portal web do Servizo Público de Emprego
- Servizos para persoas demandantes de emprego
- Servizos para persoas e entidades empregadoras
- Buscador de oficinas de emprego e entidades colaboradoras
- Oficina Virtual de Emprego de Galicia
- Aplicación MOBEM
- TR330A - Recoñecemento da condición de entidade colaboradora do Servizo Público de Emprego de Galicia en captación de ofertas
Contactos relacionados
-
Atención ao demandanteTeléfono: 012
-
Atención ao ofertanteTeléfono: 012