Non podo fichar ou teño unha incidencia; que hai que facer?
No caso de que puntualmente un asistente non poida fichar, na nova versión (v3.0.0) hai un botón "fichaxe manual" que a persoa usuaria da aplicación (a autorizada pola entidade e que fai login na aplicación) pode utilizar para rexistrar unha fichaxe manualmente indicando o motivo polo que non puido fichar e a data e hora na que se debeu rexistrar a fichaxe.
En calquera outro caso ou se ten dúbidas, por favor, contacte co CAU.
A continuación aclaramos en que casos se pode utilizar a funcionalidade "fichaxe manual" describindo exemplos das diferentes situacións que se poden dar:
Exemplo: Un curso con horario de 9:00 a 14:00 e un/unha alumno/a ten unha cita médica e ten que saír de 10:00 a 12:00 (o exemplo é válido para calquera tipo de ausencia)
Que debe facer?
Se unha persoa debe abandonar o curso de 10:00 a 12:00 horas por asistencia ao/á médico/a, deberá rexistrar a través de COBIPE (da forma habitual, colocando o dedo no lector) tanto a saída das 10:00 horas como a entrada das 12:00 horas (a maiores do rexistro de entrada e saída correspondente ao inicio e remate da xornada habitual), debendo, de ser o caso, xustificar o devandito intervalo de ausencia cunha ausencia xustificada en COBIPE.
Exemplo: Un curso con horario de 9:00 a 14:00 e un/unha alumno/a ten unha cita médica (ou calquera tipo de ausencia) e ten que saír ás 12:00 e xa non lle da tempo de volver na mesma xornada
Que debe facer?
Se unha persoa debe abandonar o curso ás 12:00 horas e non volve na mesma xornada, deberá rexistrar a través de COBIPE (da forma habitual, colocando o dedo no lector) a saída das 12:00 horas como a entrada habitual das 9:00, debendo, de ser o caso, xustificar o devandito intervalo de ausencia cunha ausencia xustificada en COBIPE (de 12:00 a 14:00 no exemplo).
Exemplo: Un/unha alumno/a retrásase na entrada e entra as 10:00 cando o curso comeza ás 9:00
Que debe facer?
O/a alumno/a deberá fichar cando chegue, no exemplo ás 10:00, debendo, de ser o caso, xustificar o intervalo de ausencia (de 9:00 a 10:00 no exemplo) cunha ausencia xustificada en COBIPE.
Exemplo: A xornada é longa e facemos un descanso
Que debe facer?
Non se terá que realizar ningunha fichaxe de entrada e saída para o descanso
Exemplo: Intento repetidamente leer a pegada dun asistente pero COBIPE non a recoñece
Que debe facer?
Intentalo con outro dedo (pode consultar as pegadas que o asistente ten rexistradas para saber qué dedos pode utilizar). Se persiste o erro cos demais dedos utilice a funcionalidade de “rexistro manual de fichaxe” para non retrasar o curso. Se o problema ocorre con frecuencia contacte co CAU para que poidamos investigalo.
En caso de dúbidas, contacte co CAU.
Exemplo: Teño caída a rede do centro e non teño internet polo que non me funciona a aplicación
Que debe facer?
En casos de problemas técnicos como o descrito e para non retrasar o curso, cando esté operativa a aplicación utilice a funcionalidade de “engadir fichaxes manualmente para o grupo” para engadir unha fichaxe a un ou a todos os asistentes. Con esta opción o usuario de entidade rexistrará coa mesma hora a entrada ou saída para os asistentes que seleccione. Se algún asistente entrou ou saíu a outra hora, ten que engadir manualmente outra fichaxe coa hora correcta (a que realmente entrou ou saíu).
Exemplo: Sae unha mensaxe de erro na aplicación e non me deixa realizar a fichaxe
Que debe facer?
En casos de problemas técnicos (tanto do centro como da aplicación) e para non retrasar o curso, cando esté operativa a aplicación utilice a funcionalidad de “engadir fichaxes manualmente para o grupo” para engadir unha fichaxe a un ou a tódolos asistentes. Con esta opción o usuario de entidade rexistrará coa mesma hora a entrada ou saída para os asistentes que seleccione. Se algún asistente entrou ou saíu a outra hora, ten que engadir manualmente outra fichaxe coa hora correcta (a que realmente entrou ou saíu). Indique a número de erro e a descrición no motivo.
Exemplo: Unha persoa asistente esqueceu fichar á entrada ou saída
Que debe facer?
O usuario da aplicación pode utilizar a opción de “engadir fichaxe manualmente” para engadir a fichaxe esquecida indicando a que hora realmente entrou ou saíu.
A aplicación pídeme un usuario que non teño
A nova versión de COBIPE (v3.0.0) precisa que as persoas usuarias se identifiquen co usuario/contrasinal de SIFO3. Ver apartado "2.2.Login" do manual de usuario para máis información.
Os usuarios que cada entidade pode autorizar para utilizar COBIPE dependerán da propia xestión de cada entidade. O ideal é que unha mesma persoa usuaria rexistre todas as fichaxes nun mesmo lector, dun ou varios grupos; deste xeito evítase ter que saír e entrar na aplicación con usuarios diferentes.
Cada usuario ten asociadas as listaxes de asistentes que introduciu. Cada un dos usuarios que rexistre fichaxes dun grupo terá que introducir de novo a listaxe de asistentes.
O persoal docente ten que fichar? Se non teñen pegadas rexistradas nas oficinas de emprego, ten que ir á oficina?
O artigo 16.5 da vixente orde de AFD di ao respecto do control biométrico: "Dispoñer dun sistema de control biométrico para o seguimento e control do alumnado e do persoal docente, compatible co sistema establecido polo Servizo Público de Emprego de Galicia". E o artigo 42.9 da vixente orde di: "Dispoñer dun sistema de control biométrico para o seguimento e control do alumnado e do persoal docente”.
Se o curso é de mañá e tarde, é necesario fichar a entrada e saída pola mañá e a entrada e saída pola tarde ou ben só a entrada á mañá e a saída á tarde?
No caso de xornada partida é necesario realizar fichaxes catro veces ao día, ao inicio e ao fin da xornada de mañá e ao inicio e ao fin da xornada de tarde. Nos descansos dentro da xornada de mañá ou da tarde non se teñen que realizar as fichaxes.
Sáeme o erro de que non teño permisos para o grupo, que fago?
Comprobe que o código do grupo sexa correcto. Comprobe que ao solicitar a alta de usuario co que fai login en COBIPE se indicou o perfil "fichaxes". En caso contrario, envíe o formulario correcto. Se o enviou correctamente debería ter permisos, polo que se trataría dun erro da aplicación; para solucionalo, debe poñerse en contacto co Soporte de COBIPE, que abrirá unha incidencia e solucionará o problema.
En calquera caso, poderá seguir rexistrando as fichaxes tecleando os DNI/NIE dos/as asistentes (como se indica antes, só é necesario indicalos unha vez, xa que a aplicación vai lembralos ao volver abrir a aplicación).
Como debe ser o equipo necesario para realizar a lectura de pegada dactilar?
Cada sistema lector componse de:
- Ordenador PC
- Lector de pegada dactilar compatible
- Licenza de software do lector (fingerprint client)
- Software para rexistrar as lecturas
- Conexión a Internet
Existe algún manual de instalación?
Si, consulte o manual de usuario en https://empregoeigualdade.xunta.gal/formacion/formacion-emprego/cobipe
Os pasos a seguir resúmense en:
- Instalar o lector de pegada dactilar cos seus drivers
- Executar o instalador que proporciona a CEEI co software de Neurotechnology
- Activar a licenza adquirida de fingerprint client
Onde se accede na web á aplicación?
Toda a información da aplicación atópase en https://empregoeigualdade.xunta.gal/formacion/formacion-emprego/cobipe
É válido realizar as lecturas con outro sistema (por exemplo, para a fichaxe de empregados/as) e máis tarde remitilas á Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade?
Non. Este sistema é independente e o seu funcionamento é directo a través da conexión a Internet.
É necesaria unha licenza fingerprint client por cada curso que se imparte?
Non. É preciso unha licenza Client por cada aparato lector de pegada dactilar. Cada sistema lector debe dispoñer da súa licenza.
Cantos lectores se precisan en cada local de impartición?
É indispensable un sistema lector en cada local de impartición.
Cando nun mesmo local de impartición dan comezo (ou finalizan) simultaneamente varias AA.FF., é recomendable organizar no tempo a lectura da pegada do alumnado para evitar esperas. Nalgún caso podería ser de axuda contar con algún sistema lector adicional para acelerar o proceso.
É posible traballar con varios lectores conectados ao mesmo PC?
Non, cada PC cun lector e cada lector cunha licenza fingerprint client.
Que marca ou modelo de lector é o máis recomendable?
A listaxe de lectores biométricos publicada en https://empregoeigualdade.xunta.gal/formacion/formacion-emprego/cobipe correspóndese co que se anuncia como compatible co software de Neurotechnology necesario para este sistema.
Os provedores de sistemas son quen poden aclarar cuestións deste tipo en base á súa experiencia e buscar unha boa relación calidade/prezo.
As probas na Xunta de Galicia foron realizadas en base ao Crossmatch LC300.
Pódense organizar os/as alumnos/as por grupo ou curso no sistema?
O sistema actual utilízase como parte da xestión das asistencias. Os/as alumnos/as de distintas AA.FF. que entren ou saian poden rexistrar a súa presenza indistintamente sen unha orde establecida.
Onde se rexistra a información das lecturas?
Toda a información é transmitida on line e por unha canle segura aos servidores da Xunta de Galicia.
Cal é a información máis recente sobre este sistema biométrico (COBIPE)?
A que se pode consultar na web da consellería https://empregoeigualdade.xunta.gal/formacion/formacion-emprego/cobipe